Saturday 27 de April de 2024

A adhesión de Bergondo, Noia e Ribadeo eleva a case 80 o número de concellos que se integran na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destaca que os 78 municipios adheridos á APLU representan ao 15 % da poboación galega e preto dun 20% da superficie da Comunidade

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou hoxe que o número de concellos que forman parte da “familia da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística” elévase a case 80, tras a sinatura do convenio de adhesión dos municipios de Bergondo e Noia, da provincia da Coruña e de Ribadeo, da provincia de Lugo.

A conselleira de Medio Ambiente presidiu esta mañá a sinatura dos convenios de adhesión, onde destacou que os 78 concellos adheridos á APLU representan ao 15% da poboación galega e preto dun 20% da superficie de Comunidade; pero sobre todo é unha mostra de colaboración no reto de velar pola legalidade urbanística de Galicia e o control das infraccións; é dicir, loitar pola protección do territorio e respecto á legalidade vixente.

Vázquez Mejuto aclarou que dos 78 concellos adheridos, 28 son da provincia da Coruña, 13 de Lugo, 23 da provincia ourensá e 14 de Pontevedra e engadiu que a evolución das adhesións á APLU, con 60 novos concellos na última década, é unha mostra do papel que xoga a Axencia, como un instrumento eficaz para o control da disciplina urbanística.

Tamén destacou os beneficios para as administracións locais con esta adhesión, coa que os concellos delegan na APLU as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística, das actividades que se localicen en solo rústico non urbanizable, en solo urbanizable (ou apto mentres non se aprobe o planeamento) e en núcleos rurais delimitados no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Outro dos proveitos desta adhesión para os concellos é o feito de recibir o 10% do produto das multas coercitivas e sancións que se impoñan.

Nese sentido, salientou que a sociedade é cada vez máis consciente da necesidade de respectar a legalidade urbanística, feito que se manifesta observando dous datos do balance de actividade da APLU en 2018, no que un 94% das demolicións efectuadas foron realizadas polos particulares e o número de multas coercitivas reducíronse substancialmente.